11-08-2009
A orixe do ecoloxismo no Ribeiro
Non hai moito tempo mentres buscaba información na WEB de Secundino Lorenzo, a recoñecida e profusa “Ourense Natural, realidade ou ficción”, atopei algo que chamou poderosamente a miña atención. Cando aínda algúns nen tan xiquera tiñamos nacido ou ben camiñabamos de mala maneira con pañais de quita e pon, as beiras do Avia eran un lugar de encontro, a vida xiraba en torno ó río, os chapuzóns no verán contrastaban ó padecemento xenoroso das nosas nais, cargadas con cestos de roupa e agochadas co xabón do “lagarto” restregaban a nosa suciedade para amosar a ridícula estampa dun calzoncillo vencido polo tempo, aturado e dado de sí. En definitiva, o río Avia facendo vida, criando sociedade nunha paraxe, que entonces, era de tod@s.
En
ningún momento me plantexara a existencia doutra
realidade, a clase obreira soñaba coa lavadora, coa
televisión a cores, o coche todavía quedaba moi
lonxe, pequenos vicios burgueses que finalmente
tomarían e marcarían o desenrolo da sociedade. No
barrio de san Francisco erguíase o primeiro edificio
da era moderna, por entonces todo parecía grande,
enorme ante os ollos asombrados dun cativo; máquinas
que paleaban aréa, grúas que acadaban o infinito,
obreiros que facían malabarismo sobre as táboas dun
andamio. Pasou o tempo e o famoso edificio só era
baixo e dúas plantas; oito vivendas e o taller do
“Mundo”, onde nos surtiriamos dos “rodamientos”
para facer carros e tirarnos costa abaixo polas
pendentes. No meu barrio tamén había catro bares,
dúas fábricas de (por suposto) ataúdes, un
aserradeiro, dous talleres mecánicos, unha
panadería, dúas tendas, unha estación de
ferrocarril onde venciamos o tempo argallando
falcatruadas, un estanco e a administración de
autobuses. Pero tamén estaba o monte da “Generala”,
a caseta onde descubrimos que a “piroliña” era para
algo máis, os carballos e as hortas, os castiñeiros
e os porcos do Marcial, a música con “Los Cisnes”.
Todo un mundo de xigantes e cabezudos, recunchos a
descubrir como as minas de wolframio, o “burru burru”
do Fermín, o cacharro do leite que por entonces non
nacía do tetra-brick, os clavos e os anacos de
madeira, as pedras para atizarlle ó tren e as
badaladas na igrexa, o paso a nivel onde as
barreiras ergían dúcias de franxas branco-vermello.
Francisco Franco negábase a morrer no Bar Alfonso,
un prato firmado polos xogadores do real Madrid e un
cartace que nin lembro o que poñía coa “efigie del
caudillo”, a coca cola e os phosquitos que sisabamos
co arte que Curro Jiménez, coa destreza na enésima
reposición de Pipi Calzaslargas, coa organización
dos Homes de Harrelson e coa firme convicción de que
tarde ou cedo, chegaría o Sheriff Lobo e fodería o
invento. Na recámara da memoria agóchase Tony Bareta,
a primeira serie de televisión onde descubrín que os
peitos das mulleres eran para algo máis …
A
praia fluvial de “A Veronza” estaba ó outro lado das
nosas vivenzas, separada por unha presa que en
tempos alimentaba un muiño. FENOSA xa estaba
presente nas nosas vidas, unha caseta e un cartel
que rezaba “Peligro de muerte”, a figura dun humano
fechado nun triángulo equilátero e atravesado por un
raio alertaba do risco como una premonición da
realidade actual. Alí nace a razón destas lembranzas,
a Veronza como o espello dunha realidade social viva
no presente, un grupo de rapaces erguen a bandeira
do ecoloxismo local no ano 1977, a razón, a Veronza
semellaba un basureiro, o lema ,“Por unha Ribadavia
sin contaminación”.
Grazas por alimentar a memoria, por revelarme que tamén as persoas viviron e viven para algo máis…
--------------------------------------------------------------
Artigo sacado de:

