O cabrón do Secundino.

 

   

 Secundino e Xosé Carballido.

Xuntanza Veronza 2022.

 

 

--o--

 

O CABRÓN DO SECUNDINO

Xosé Carballido Presas. Ex-alumno do Instituto de Ribadavia

 

 

- Señor Carballido, salga al encerado. Explíquele a sus compañeros las Leyes de Morgan.

A potente voz de don Secundino fixo que espertase do meu sopor. Morgan era para min un personaxe de Agatha Christie ou algo parecido. Optei por un discreto silencio. Volvín ao pupitre orgulloso da miña ignorancia, destilando testosterona diante das miñas compañeiras. Imaxinade a un rapaz atravesado, de dezasete anos, que por primeira vez comparte aulas con mulleres, logo dunha primaria e secundaria de rigorosa separación por sexos.

Corría o curso 1974-75. Cando me preguntaban onde estudaba, respondía cun lacónico "fora" para evitar dar explicacións, avergonzado por desprazarme a Ribadavia, eterna vila rival, pois en Carballiño non había COU. Ribadavia !!! Chimpei tantos bocadillos de calamares no Bar Ribeiro que as luras chegarían ata Gomaríz se as puxeramos en fila india. Os meus recordos: Calamares, partida de cartas e  Auto Industrial. E don Secundino, claro.

Rompendo a norma non escrita de que nunca se chama dúas veces ao mesmo alumno, ao día seguinte escoito indignado:

- Señor Carballido, salga al encerado. Explíquele a sus compañeros las Leyes de Morgan.

Será cabrón !!! Salgo. Silencio. Regreso. Baixan lixeiramente os niveis de testosterona e noto como comeza a subir un calorciño polas orellas...

O mércores, por se acaso, levántome ás seis. Taza de Nescafé  a pelo. Vou mirar quen ven sendo o tal Morgan ... alxebra de Boole ... conxunción ... disxunción ... proba lóxica ... brrrr !!!

Dito e feito: mércores, encerado; xoves, encerado; venres encerado ...  “Este cabrón do Secundino, vai estragar a miña paradisíaca vida preuniversitaria”  comentaba cos colegas entre arrastre e arrastre, envolto no fume do Celtas corto. A peor primavera da miña vida.

Así ata fin de curso. Tres meses de Nescafé  (aínda hoxe non podo probalo, da sobredose que pillei) para non ocultar o ridículo detrás da testosterona. De paso, xa que preparaba as matemáticas, comecei a preparar o resto. Conclusión: por primeira vez na miña vida, aprobei TODO en xuño (certamente, no francés patinaba bastante, pero o Celso non quixo manchar o meu incólume expediente, e agasalloume cun cinquiño raspado)

Meu pai, que non daba crédito, tivo que chamar ao Instituto para desbotar unha presunta falsificación do boletín. Aínda faltaba a guinda: toda a xente de COU do grupo de “Ciencias” do Instituto de Ribadavia que nos presentamos á Selectividade, aprobamos. Cen por cento de aprobados!!! Único caso de Galicia! dicían os xornais.

Un crápula convertido nun apaixonado das matemáticas, que seguiu os seus pasos pola enxeñaría e que, durante varios anos, impartiu clases de apoio de matemáticas a estudantes de COU e universitarios. Ver para crer! Algo tería que ver “o cabrón do Secundino”.

Pero quizais o máis importante foi que, por primeira vez na miña vida, comecei a estudar polo meu orgullo, pola miña dignidade. E para aprender algo.

O meu agradecemento, Secundino. Profesor e mestre.

 

 

Inicio | Asociación  |  Faite socio  |  Actividades  | 

|  Historia |   Lembranzas e outras  | Email | Enlaces

Volver.