O Ribeiro dende O Ceo

  Autor das fotografías : Carlos Miguel Menacho García

 

Mapa de situación de Laias. Sacado de Google Earth. Fotografía 15/07/2020

 

 

                

Mapas sacados do Dx: Dicionario Xeográfico Ilustrado de Galicia. Tomo 7

Sobre o topónimo Cenlle,  resumo o traballo de  Frutos Fernández no seu libro Nomes do Ribeiro (1)  "...Outro dos topónimos únicos do Ribeiro...".  Propón dúas hipótesis. "...Parece un antrotopónimo claro. Derivado dun antiguo posesor de nome Caelius, escrito tardiamente Ceelius. O xenitivo, Caelii ou Ceelii, explicaría perfectamente o nome de Cenlle...". A outra hipótese "... Non desbotaría unha posible  relación do nome coa situación xeográfica de Cenlle, xusto no cume do coto que separa os vales do Avia e do Miño. Teño observado cómo bastantes microtopónimos con situaciones semellantes reciben o nome do ´Ceo´. Cenlle aparece en algúns documentos medievais como Caelo  ou villa caelio´. Ó fin e ó cabo Caelius ´do ceo´, é nome que deriva de Caelum ´ceo..."´. Non esquezamos que un dos sete outeiros de Roma era o "collis caelii".

 

Mapas sacados do Dx: Dicionario Xeográfico Ilustrado de Galicia. Tomo 7

Parroquias de Cenlle (O Ribeiro- Ourense). En Amarelo Laias.

Sobre o topónimo Laias,   nome do lugar e freguexía de Sta. Baia de Laias di Frutos Fdez. (1) "Os son topónimos derivados de laxe, laxa ´penedo grande que presenta unha superficie lisa e pouco sobresaínte sobre a terra´, [entre os que se atopa Laias], son moi abundantes en Galicia...".  Despois de estudar outras formas toponímicas desta familia (Laxa, Laxe, Laxas) entra en detalle sobre Laias. "A este grupo tamén parece que pertence Santa Baia de Laias...", documentada coa grafía Laginas no ano 830, que sinala a unha etimoloxía céltica, de *lagena, co mesmo significado de laxa. E en documento da Catedral de Santiago do ano 922 o topónimo xa aparece escrito coa forma actual: "aliam uillam in territorio Castelle in ripa Minei, que est inter Laias et Castrello."

 

 

Parroquia de Laias. Igrexa:  Sta Baia de Laias. Laias. Cenlle. O Ribeiro. Ourense

En castelán é Santa Eulalia de Laias.

 

Igrexa antiga (románica s. XI):  Sta Baia de Laias. Laias. Cenlle. O Ribeiro. Ourense

 

Laias. Cenlle. O Ribeiro. (Ourense)

Vista de Laias co río Miño e Astariz a esquerda e o lonxe Castrelo de Miño e San Paio e moito máis lonxe as canteiras de Melón, arriba na montaña..

 

Outra marabillosa vista de Laias cara A Barca de Barbantes, o lonxe Sta. Cruz de Arrabaldo. Por riba cruzando a A52.

 

O lugar de Carballeda de Abaixo- Laias (Cenlle-O Ribeiro-Ourense).

A esquerda o río Miño e un camiño-sendeiro a carón do río. O tren pasa por riba a dereita.

Sobre o topónimo Carballeda, neste caso lugar Carballeda de Arriba en Laias, resumo o traballo de  Frutos Fernández no seu libro Nomes do Ribeiro (1) "...Os derivados de carballo constituen un dos grupos de topónimos máis numerosos de Galicia...non hai unanimidade entre os filólogos  acerca do estrato lingüístico ó que pertence a palabra carballo...A opinión máis estendida considera carballo derivado da voz prerromana carba...emparentada, á súa vez, cunha base preindoeuropea *kar ´pedra, rocha´... aludiría a ser árbore característica de terreos rochosos ou á dureza da madeira desta especie..."

 

O lugar de Carballeda de Arriba- Laias (Cenlle-O Ribeiro-Ourense)

 

Lugar de Deirón en Laias.(Cenlle-ORibeiro. Ourense).

A Parroquia de Santa Baia de Laias está constituida por oito lugares.

Sobre o topónimo Deirón, nome deste lugar da freguesía de  Sta Baia de Laias, di Frutos Fdez.  (1): "...É o único con este nome rexistrado no NG.  Sospeito unha aglutinación da preposición para un antigo término De Eirón, forma documentada para outro lugar nun diploma de Toxosoutos, de 1203, que fala da "ecclesie sancti Felicis de Eirón". A  orixen corresponderíase entón coa deste grupo de topónimos derivados do latín area que estudamos máis adiante na voz Eira...".

Efectivamente no epígrafe Eira, Eiras, Eiroa, Eiravedra, Aira, Airoa, Eirón escribe Frutos  que derivan da voz latina "area" entre outros significados´lugar onde se realizaban os labores da malla´. Eladio Rodríguez no seu dicionario tamén lle dá a eira o significado de ´terreo onde se sementan hortalizas´, ou sexa de horta. Frutos  pensa o de horta sería o máis adecuada para o Ribeiro, xa que non é unha terra de pan. En Deirón, a terminación -on semella ser aumentativa e apelaría a unha eira grande, o mesmo que un "cavadurón" é unha cavadura sobrada ou o "feirón" a feira grande. E dise semella porque na toponimia, ás veces, esa terminación é diminutiva: por exemplo, "Avión" é diminutivo de Avia. 

 

NG é o Nomenclator (catálogo de nomes) de Galicia. Xunta de Galicia.

 

Lugar de O Campo en Laias.(Cenlle-ORibeiro. Ourense).

Sobre o topónimo O Campo, nome deste lugar da freguesía de  Sta Baia de Laias, di Frutos Fdez.  (1): "Campo e Campos teñen a súa orixen no latín campus ´campo, chaira´. Segundo Joaquín Vázquez o emprego de campus co sentido de espacio de terra traballada, en sustitución de ager, agri (>agra), é unha innovación románica....O nome  acostuma referirse a terreos chás e fértiles, tamén a prados, e noutras ocasións a espacios de lecer, do que son exemplos os abundantes Campos da Festa...".

 

 

Lugar de O Regueiro en Laias.(Cenlle-ORibeiro. Ourense).

Sobre o topónimo O Regueiro, nome deste lugar da freguesía de  Sta Baia de Laias, di Frutos Fdez.  (1): "Un abundantísimo grupo de topónimos galegos  é o formado polos derivados de rego, a canle que conduce a auga, e regar, a acción de achegar a auga os cultivos..." Se foi antes o rego ou a acción de regar é un tema que Frutos deixa para os lingüistas. "...a maioría dos autores decántanse porque o rego derive do verbo latino rigare, o que explicaría o caracter cerrado do -e- de rego. Parece ser que tanto o verbo como o nome descansan sobre unha base común *recu de orixen prerromana..."

 

Lugar de O Val en Laias.(Cenlle-ORibeiro. Ourense).

Sobre o topónimo O Val, nome deste lugar da freguesía de  Sta Baia de Laias, di Frutos Fdez.  (1): "...O grupo de topónimos derivados de val é un dos máis numerosos do NG. Val vén do substantivo feminino latino vallis, is ´val, cavidade,  oco, fondal´. Do acusativo, vallem, deriva a forma simple Val...". O resto do texto dedicado a este topónimo pasa revista os topónimos desta familia (Valboa, Valongo, Valiñas, etc.)  e ó final do texto dedica un apartado especial a Valparaiso: tempo teremos de volver sobre este último nome cando escribamos sobre Francelos.

.

NG é o Nomenclator (catálogo de nomes) de Galicia. Xunta de Galicia.

 

Lugar de Viñal do Rei en Laias.(Cenlle-ORibeiro. Ourense).

 

Sobre a familia de topónimos relacionados coas vides e as súas plantacións, familia á que pertence Viñal do Rei, nome deste lugar da freguesía de  Sta Baia de Laias, di Frutos Fdez.  (1): "...Arredor de setenta lugares recolle o NG con nomes relacionados coas viñas, do latín vineas. Soamente dúas se sitúan no Ribeiro...". Chámalle moito a atención a Frutos a escaseza dos topónimos deste grupo no Ribeiro, terra de viñas e viños por excelencia, e que un concello tan pouco viñateiro como Sta. Marta de Ortigueira (A Coruña) teña máis lugares habitados con nomes relacionados coas viñas ca todo o Ribeiro. Aporta razóns moi interesantes que tamén repite no topónimo vide: "...Na miña opinión, son dúas as causas desta escaseza: a primeira. seguramente a máis importante, é que os nomes de lugar datan, nunha boa parte dos casos, de realidades históricas anteriores ó predominio das viñas do Ribeiro; a segunda tería que ver xustamente co contrario: nunha paisaxe dominada polas viñas, facer referencia a elas carecería de valor identificativo propio dos topónimos...". No caso de Viñal do Rei, dice: "...Todo o dito non debe facernos esquecer que as viñas e as vidieiras son o elemento central da paisaxe do Ribeiro dende a Idade Media...". Concretamente informa que "...ese señorio da cepa  xa estaba ben gañado no século XIII, despois de, aproximadamente, dous séculos de victorias consecutivas, sobre outros usos agrícolas como poideron ser a oliva, as legumes, o pasto ou o propio monte...". Cita Frutos ó final do texto deste topónimo:  o testamento do abade Paio de San Clodio, do ano 1158, un texto en latín que fala como ningún do papel colonizador dos frades impulsando o cultivo da viña no Ribeiro, que traducido decía::"plantei viñas, que alí non había; desmontei moitos montes, poboei herdades..."

 

NG é o Nomenclator (catálogo de nomes) de Galicia. Xunta de Galicia.

 

 

--o--

 

(1) Sobre a explicación dos topónimos, resumo ó que escribe Frutos Fernández González. no seu sensacional libro "Nomes do Ribeiro", editado polo  Instituto de Estudios Carballiñenses no ano 2007.

 

Nota: os textos sobre os topónimos dos lugares deste traballo están sacados do libro citado en (1) , resumo feito por Secundino Lorenzo Fdez e supervisado polo autor do libro. 

Felicitar a Frutos Fernández Glez. polo seu  marabilloso traballo e darlle as grazas por todo ó que aporta O Ribeiro un libro como o seu.

 

Volver