O Ribeiro dende O Ceo
Autor das fotografías : Carlos Miguel Menacho García

Mapa de situación de Sadurnín. Concello de Cenlle. Sacado de Google Earth

Mapa copiado do libro DX, Dicionario Xeográfico ilustrado
de Galicia. Tomo 22.
Sobre o topónimo
Cenlle, resumo o traballo de Frutos
Fernández no seu libro Nomes do Ribeiro (1) "...Outro
dos topónimos únicos do Ribeiro...". Propón dúas hipótesis.
"...Parece un antrotopónimo claro. Derivado dun antiguo posesor de nome
Caelius, escrito tardiamente Ceelius. O xenitivo, Caelii ou
Ceelii, explicaría perfectamente o nome de Cenlle...". A outra
hipótese "... Non desbotaría unha posible relación do nome
coa situación xeográfica de Cenlle, xusto no cume do coto que separa os vales do
Avia e do Miño. Teño observado cómo bastantes microtopónimos con situaciones
semellantes reciben o nome do ´Ceo´. Cenlle aparece en algúns documentos
medievais como Caelo ou villa caelio´. Ó fin e ó cabo
Caelius ´do ceo´, é nome que deriva de Caelum ´ceo..."´. Non
esquezamos que un dos sete outeiros de Roma era o "collis caelii".

Sadurnín pertence ao Concello de Cenlle. No mapa vense as
parroquias deste Concello.
Mapa copiado do libro DX, Dicionario Xeográfico ilustrado
de Galicia. Tomo 22.
Sobre o topónimo Sadurnín, nome do lugar e
freguexía de San Xoán de Sadurnín de Cenlle, di Frutos Fdez. (1)
"Existen cinco topónimos en Galicia que están relacionados co nome Sadurniño.
Catro deles teñen que ver con San Sadurniño...". Non é o caso de Sadurnín.
"...É un lugar de espectaculares vistas sobre o encoro e Castrelo e
(de terras) de
excelentes viños. Precisamente aquí, no ano 1527, teño documentado un veciño,
que creo que é o primeiro que coñecemos con nome e apellidos, que vendeu o
seu viño ós ingleses. Chamábase Ares Mosquera:"..juro e declaro treynta
moyos de vino blanco el cual dixo que tenya vendido a los yngleses a doce
Reales..". Texto que aparece no traballo de "O viño de Ribadavia nas
grandes armadas", de Frutos Fdez. Glez. publicado no Boletín Auriense.
Polo demais,"Sadurnín é un antrotopónimo con
orixen posesor de nome latino Saturninus, que desde o caso do
xenitivo (Saturnini) evolucionou, Saturnini>Saturnín>Sadurnín, unha cadea
que resulta normal para o galego...". A primeira referencia documental
que cita do lugar é
do ano 1076.

A Igrexa de San Xoán de Sadurnín (Cenlle- ORibeiro-Ourense)

Vista de Sadurnín. Cenlle-O Ribeiro (Ourense)
Por detrás o río Miño, que nese lugar forma o encoro de
Castrelo de Miño.

Sadurnín (Cenlle)

As chabolas, na N-120. Sadurnín (Cenlle)
Sobre o topónimo As Chabolas, nome dun lugar
da freguexía de San Xoán de Sadurnín de Cenlle, di Frutos Fdez. (1):
"Temos en Galicia unha decena de lugares co nome de Chabolas dentro
da toponimia maior, pero soamente estas de Sadurnín e Sanín aparecen en
plural como As Chabolas. En realidade corresponden ó mesmo lugar que se
reparte entre dúas freguesías. "Chabola ven do vasco txabola.
A palabra parece que se incorporou ó castelán no século XIX. Isto lévame a
pensar que o nome puido deberse a unhas ´chabolas´que se farían á par das
obras de construcción da estrada de Ourense a Vigo, a mediados do século XIX.
Moitos barrios naceron desta forma no século XIX, e estendéronse de
forma dramática, no XX..."

O lugar de Campanillas en Sadurnín (Cenlle).
Sobre o topónimo Campanillas, nome dun lugar
da freguexía de San Xoán de Sadurnín de Cenlle, di Frutos Fdez. (1):"...Son
derivados, en diminutivo, de campá, palabra que ven de Campania, o nome
da rexión italiana onde parece que primeiro se usou este instrumento; aínda que
Corominas dí que a palabra campá procede de "vasa campania", un
recipiente de bronce en forma de vaso que se facían na Campania. Agora ben,
resulta dificil saber se na orixe dos topónimos se fai referencia ás campás, a
varias especies de flores que reciben o nome de campaíñas en galego, ou mesmo se
nos atopamos diante de palabras derivadas de campo. O nome de
campaiñas para diversas variedades de flores está recollido na maioría de
dicionarios históricos de galego e pode ser que a orixe do noso topónimo sexa
fitonímica...""...Navaza estráñase da presenza de Campana e Campanario na
toponimia portuguesa, o que leva a concluir que, poderían ser derivados de campu..."

O lugar de Nabás en Sadurnín (Cenlle).
Sobre o topónimo Nabás, nome dun lugar da freguexía de San
Xoán de Sadurnín de Cenlle, di Frutos Fdez. (1):"...Atopamos
rexistrados oito Nabás no NG....Navaza dedica un completo apartado do seu libro
Fitotoponimia Galega ós topónimos relacionados co nabo (Brassica napus).
Forman un numeroso grupo, o que nos da idea da importancia que tivo o seu
cultivo na economía rural galega. A presencia da forma simple é escasa. Non
existe tampouco, malia a súa fama, O Nabo de Lugo, pero si a Fonte do Nabo en
Avión. As formas derivadas da sufixación (abundancial) en -ale, Nabal e Nabás
(<Nabaes<Nabales<Napales) son bastante máis numerosas..."
NG é o Nomenclator (catálogo de
nomes) de Galicia. Xunta de Galicia.

O lugar de Saa en Sadurnín (Cenlle).
Sobre o topónimo
Saa, nome deste lugar da freguesía de San Xoán
de Sadurnín, di Frutos Fdez. (1):"...O Saa de
Carballeda pertencía no antiguo réxime a encomenda de Beade...é
un dos poucos topónimos que ten a súa orixen nunha palabra xermánica...deriva
dunha forma, probablemente gótica, *sala, apelativo que
designaba a casa principal, concurrente coas palabras latinas villa
ou palatium. Todo parece indicar que nos (topónimos) Saa a palabra
xermánica substituíu a antiga denominación latina..."
--o--
(1) Sobre a explicación
dos topónimos, resumo ó que escribe Frutos
Fernández González. no seu sensacional libro "Nomes do Ribeiro",
editado polo
Instituto de Estudios Carballiñenses no ano 2007.
Nota: os textos sobre os
topónimos dos lugares deste traballo están sacados do libro citado en (1)
, resumo feito por
Secundino Lorenzo Fdez, e supervisado polo autor do libro.
Felicitar a Frutos Fernández
Glez. polo seu marabilloso traballo e darlle as grazas por todo ó que
aporta O Ribeiro un libro como o seu.
Volver