O Ribeiro dende O Ceo
Autor das fotografías : Carlos Miguel Menacho García

Mapa de situación de Trasariz (Cenlle). O Ribeiro. Ourense. Sacado de Google Earth

Mapas sacados do Dx: Dicionario Xeográfico Ilustrado de
Galicia. Tomo 7
Mapa de Cenlle e Trasariz.
Sobre o topónimo
Cenlle, resumo o traballo de Frutos
Fernández no seu libro Nomes do Ribeiro (1) "...Outro
dos topónimos únicos do Ribeiro...". Propón dúas hipótesis.
"...Parece un antrotopónimo claro. Derivado dun antiguo posesor de nome
Caelius, escrito tardiamente Ceelius. O xenitivo, Caelii ou
Ceelii, explicaría perfectamente o nome de Cenlle...". A outra
hipótese "... Non desbotaría unha posible relación do nome
coa situación xeográfica de Cenlle, xusto no cume do coto que separa os vales do
Avia e do Miño. Teño observado cómo bastantes microtopónimos con situaciones
semellantes reciben o nome do ´Ceo´. Cenlle aparece en algúns documentos
medievais como Caelo ou villa caelio´. Ó fin e ó cabo
Caelius ´do ceo´, é nome que deriva de Caelum ´ceo..."´. Non
esquezamos que un dos sete outeiros de Roma era o "collis caelii".

Mapas sacados do Dx: Dicionario Xeográfico Ilustrado de
Galicia. Tomo 7
Parroquias de Cenlle (O Ribeiro- Ourense). En Amarelo
Trasariz.
Sobre o topónimo Trasariz, lugar e freguesía de
Santiago de Trasariz (Cenlle), di Frutos Fdez. (1) "...Tres
lugares co nome de Trasariz figuran no NG. Un deles é o que tamén da
nome a freguesía de Santiago de Trasariz (Cenlle). Terras boas á beira do
Miño. Pertencía esta freguesía á antiga xurisdición de Roucos, señorío dos
Condes de Ribadavia, pero tiña unha pequena parte, sen veciños, da
xurisdición de Ponte Castrelo, señorío dos Condes de Monterrei..."
"...Trasariz é un antrotopónimo
xermánico. Deriva do nome dun antigo posesor de nome Trasaricus, nome ben
documentado na diplomática medieval galega, que significa algo así como
´loitador´. Trasariz vén do xenitivo, de Trasarici, que, por sorte
neste caso, está documentado nada menos que no ano 887 "...in astella,
ulla Trasarici, ad ecclesiola Pinzana,,,". En conclusión, Trasariz xa era
con seguridade esa villa Trasarici de finais do século IX..."
NG é o Nomenclator (catálogo de
nomes) de Galicia.
Xunta de Galicia.

Parroquia: Santiago de Trasariz. Igrexa e Cemiterio.
Concello de Cenlle. (O Ribeiro.Ourense.).

Vista cara o norte de Trasariz. Cenlle.
Ó fondo a esquerda Xubín e a dereita enfrente
Razamonde.

Vista cara o Sur de Trasariz. O Ribeiro. Ourense.
A esquerda o río Miño. Encoro de Castrelo de Miño.

O lugar de Mira. Trasariz. Cenlle (O Ribeiro-Ourense).
Sobre o topónimo Mira, o nome
deste lugar de Trasariz, di Frutos Fdez (1): "...Media ducia de
lugares co nome Mira están rexistrados no NG. Un deles é o lugar de Trasariz (Cenlle)..."
"...No caso concreto de Mira, trátase dun topónimo moi
antigo, documentado en Galicia desde o século X. Na documentación de Oseira
aparece un lugar con nome de Mira en 1220, sen que poida asegurar que se
trata de Trasariz. Etimoloxicamente parece derivar, para a maioría dos autores,
do adxectivo latino Mirus, Mira, Mirum "marabilloso, admirable´. Mira
sería a vila marabillosa, fermosa ou admirable... hai que dicir
que o verbo mirar vén do latín mirari ´admirar´. Na actualidade, un pode
mirar para cousas desagradables, pero etimoloxicamente soamente se
mira para admirar. Un día díxome unha señora na Abelenda das
Penas: ¡que ben bautizaban os vellos os sitios!, e non cabe dúbida, neste Mira de
Trasariz un non pode máis que admirar a paisaxe sobre o Miño..."
"...Malia todo inclínome por pensar que o nome de Mira, omo
o de Miranda e outros...nada ten que ver co verbo mirar. Máis probable
paréceme a relación coa palabra galega mera ´choiva fina ou neboa mesta´,
derivada dunha base hidronímica preindoeuropea
*Mer, Mir áuga, auga estancada´,
a mesma de Miranzo. Mira sería desde este punto de vista un lugar húmido a beira
do río, ou incluso neboento. O que parece máis difícil é que no bautizo ó que me
refería antes, os vellos dos que falaba a señora da Abelenda, tivesen en conta
os dous significados para que logo escollésemos o axeitado dependendo do
tempo reinante. Pero todo é posible, ó fin e ó cabo moitos tiveron, e teñen,
distinto significado dependendo do tempo no que se estudaron. Xa non digamos o
numeroso que resulta o grupo dos que teñen distintos significados ó mesmo tempo,
dependendo deste caso de quen os estude..."
NG é o Nomenclator (catálogo de
nomes) de Galicia.
Xunta de Galicia.

O Balcón. Lugar de Trasariz. Cenlle. O Ribeiro. (Ourense).
Sobre o topónimo O balcón, o nome
deste lugar de Trasariz, di Frutos Fdez (1): "...Existen soamente dous
topónimos con este nome en Galicia e os dous están no Ribeiro en Osmo e en
Trasariz. Creo que se trata de topónimos relativamente modernos. A referencia
máis antiga que encontrei, a do lugar do Balcón de Trasariz, está no dicionario de
Madoz, de mediados do século XIX..."." Balcón ´plataforma saínte sobre a fachada dunha
casa, á que se ten acceso desde o interior por unha porta´, é palabra que ven do
italiano balcone, a súa vez do xermánico balko ´trabe´. A palabra
comeza a documentarse no ámbito galego-portugués na segunda metade do século XIV...".
Balcón ten moitos significados como soportal, pórtico, terrado, azotea
etc. A calquera podería refererise o topónimo Balcón.

O Pumar. Lugar de Trasariz. Cenlle. O Ribeiro. (Ourense).
Sobre o topónimo O Pumar, o nome
deste lugar de Trasariz, di Frutos Fdez (1): " Cerca de oitenta lugares
de Galicia levan o nome de Pumar o algún dos seus derivados: Pumares, Pumariños,
Pumarega, etc. ...Etimoloxicamente deriva do nome latino pomun, que
designaba todo xénero de froita, pero que pronto adquiriu o significado
específico de mazá. Máis concretamente, o nome de Pumar ou Pomar, ven do
abundancial
Pomare, co significado de árbore froiteira ou horta con árbores
froiteiras, tal vez xa especificamente mazás..."
--o--
(1) Sobre a explicación
dos topónimos, resumo ó que escribe Frutos
Fernández González. no seu sensacional libro "Nomes do Ribeiro",
editado polo
Instituto de Estudios Carballiñenses no ano 2007.
Nota: os textos sobre os
topónimos dos lugares deste traballo están sacados do libro citado en (1)
, resumo feito por
Secundino Lorenzo Fdez, e supervisado polo autor do libro.
Felicitar a Frutos Fernández
Glez. polo seu marabilloso traballo e darlle as grazas por todo ó que
aporta O Ribeiro un libro como o seu.
Volver