O Ribeiro dende O Ceo

  Autor das fotografías : Carlos Miguel Menacho García

 

Mapa de situación de Ventosela. Sacado de Google Earth. Fot. 2020.

 

Mapa copiado do libro DX, Dicionario Xeográfico ilustrado de Galicia. Tomo 22

Sobre o topónimo Ribadavia,  resumo o traballo de  Frutos Fernández no seu libro Nomes do Ribeiro (1) "...como é ben sabido, ven do latín ripa aviae ´ribeira do Avia´. Convén aclarar que nun principio, como en tódolos ríos, esta denominación correspondía ás vilas que se atopaban na súa ribeira. Frutos pon como exemplos dúas citas documentais, unha do ano 966 dun diploma dos Tombos de Sobrado e outra de 985 doutro de Santiago nos que o topónimo figura como "ripa Avie". "...A partir de mediados do século XII, comenzamos a ter noticias do Burgo de Ripa Avie. Eses burgos eran poboamentos onde se asentaban grupos de comerciantes e artesáns, case sempre cerca dunha fortaleza construida por algún nobre feudal...A primeira referencia de Burgo de Ribadavia  nun fuero  de Fernando II do ano 1164...e nun documento  de Oseira do ano 1170...". Poucos anos más tarde entre 1213 e  1271 xa aparece o nome sin a definición de Burgo. Frutos pon varios exemplos. E conclúe: "...o nome de Ribadavia, corresponde ó do antiguo Burgo Ripa Avie, que naceu entre finais do século XI e principios do século XII. A importancia da Vila fixo que pronto o nome se desprendese da definición de Burgo, feito que sucedeu en paralelo á formación do nome composto Ripaavie que de seguido evoluciona a Ribadavia...". Esta forma definitiva comeza a aparecer de xeito continuado desde principios do século XIII.

No  estudo deste topónimo e doutros moitos do Ribeiro,  Frutos Fernández sempre anota os que aparecen na comarca e a frecuencia con que os atopamos en Galicia, tamén da conta da documentación histórica do topónimo e das distintas interpretacións do significado. Logo, atendendo tanto á etimoloxía como a realidade xeográfica e histórica do lugar, emite a súa opinión ó respecto.  Recomendamos o libro, un traballo marabilloso..

 

 

 

Mapa copiado do libro DX, Dicionario Xeográfico ilustrado de Galicia. Tomo 22.

 

Sobre o topónimo Ventosela, farei un resume especial, tan especial que vou poñer o artigo completo para que se vexa o gran traballo de Frutos Fdez.  Así trata, en xeral, cada un dos artigos do libro citado. Un traballo de anos, seguro... Unha marabilla.

Noutros artigos, na maioría,  limitareime a facer un resume. Os interesados e curiosos tendes a referencia do libro en (1).

 

Sobre o topónimo Ventosela,  di Frutos Fdez. (1) "..."Se vas ó Ribeiro, ó Ribeiro d´Avia/ /Se vas ó Ribeiro vai por Ribadavia / / Vai por Ribadavia vai por Ventosela.." di así a letra da cantiga popular máis famosa do Ribeiro. Bastaría paraque o lugar de Ventosela, da freguesía de San Paio de Ventosela (Ribadavia), que antes foi San Paio de Castrelo, fose un dos máis coñecidos do Ribeiro. Tamén axuda que sexa o alcume dun dos gaiteiros de máis sona da historia de Galicia: Xan Míguez González (1847-1912, "O Ventosela", que naceu, viviu e morreu neste famoso lugar. Ribeirán de Ventosela, iure sangui, é o profesor don Xesús Alonso Montero. No obstante, este Ventosela de San Paio non é único. Hai outro en San Xoán de Ourantes e un Ventoselo en San Fiz do Navío (San Amaro). E aínda hai tres Ventosela en Galicia, dezasente Ventosa, catro Ventoso, tres Ventoselo, dous Ventoselle e un Ventoselos. Todos levan o nome por ser lugares ventosos, derivados do latín ventus ´vento´, con sufixo abundancial -osus. Este tema de vento tuvo moita pegada na toponimia e documentalmente xa atopamos vilas Ventosa no século VI.  A Ventosela de San Paio témola rexistrada por primeira vez, que eu saiba, en documento rexio de Alfonso IX, do ano 1216; un documento que non deixa dúbidas sobre o carácter que tiña nesa época de vila de propiedade real:"..in cvauto de Castrelo sub aula Sancti Pelagii villam meam Ventosellan uocatam.."

"...Una vez máis, Caridad Arias defende unha interpretación ben diferente. Tanto Ventosa como Ventosela ou Ventoselo, serían en realidade antrotopónimos derivados dun suposto nome *Vintosus, pertenecente o numeroso grupo dos que presentan a base vent- (Ventiacus, Ventilius, Venturius,..), con orixe na divinidade centa Vindos..."

 

Lugar: Ventosela. Parroquia San Paio de Ventosela  (Ribadavia-Ourense)

 

--o--

 

(1) Sobre a explicación dos topónimos, resumo ó que escribe Frutos Fernández González. no seu sensacional libro "Nomes do Ribeiro", editado polo  Instituto de Estudios Carballiñenses no ano 2007.

 

Nota: os textos sobre os topónimos dos lugares deste traballo están sacados do libro citado en (1) , resumo feito por Secundino Lorenzo Fdez e supervisado polo autor do libro. 

Felicitar a Frutos Fernández Glez. polo seu  marabilloso traballo e darlle as grazas por todo ó que aporta O Ribeiro un libro como o seu.

 

 

Volver